Manifiesto 28Feb.09 (Galego)

CONTRA O DESMANTELAMENTO DA UNIVERSIDADE PÚBLICA,
O PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR E O PAS PERANTE O PROCESO DE BOLOÑA.

Dende hai moitos anos, con independencia das respectivas adscricións ideolóxicas, as mulleres e homes que traballamos na universidade sostemos que resulta imprescindible e urxente unha reforma que poña fin ó progresivo deterioro. A implantación do Plano de Boloña, presuntamente, viría se-la resposta a este deterioramento. Iso é o que se nos dixo. Lamentablemente, pensamos que non é así.

A implantación deste plan é, realmente, unha imposición que non contou cos axentes que están directamente implicados, e o deterioramento estase abordando sen que se fixese un diagnóstico auténtico do estado actual da universidade. Neste momento, o que se pode afirmar irrefutablemente é que se está desmantelando a universidade pública, que se está supeditando o funcionamento ós dictames do mercado e que se está malbaratando o coñecemento na medida en que se trata como se fose unha mercadoría. En definitiva, estase decretando un cambio do modelo de universidades sen que ningún dos seus impulsores e defensores dese explicado cal é o eixo sobre o que pivota este modelo e cara a onde ha de nos levar.

O único que escoitamos reiteradamente, cada vez cun ton máis autoritario, é que o Plano de Boloña vai permiti-lo avance do coñecemento científico, a compatiblidade das titulacións e a mobilidade de estudantes, Persoal Docente e Investigador e PAS polo territorio todo da Unión Europea, ou a integración dos graduados universitarios no mercado laboral europeo, no que se supón que case todos atoparán unha colocación cualificada ó acaba-los estudos.

Pode alguén disentir destes propósitos? Obviamente, nós cremos que ninguén. Ora ben, o que non nos din é que baixo unha reconversión docente e pedagóxica que, segundo afirman, ofrece innumerables oportunidades de reforma dos estudos universitarios e un cambio nos hábitos de traballo de PDI, PAS e estudantes, subtráesenos, ós protagonistas da vida universitaria, a posibilidade de reflexionar lúcidamente sobre as decisións que se están a tomar e as consecuencias que terán na configuración da universidade pública.

Os acontecementos deste curso protagonizados en diversas universidades do Estado polos estudantes tiveron o acerto e a coraxe de denunciar e de pór en escena pública a carencia de recursos e o estado de precariedade intelectual e docente ó que nos diriximos, estado que pretende transforma-lo coñecemento en puras competencias e habilidades, avaliables nomeadamente segundo criterios de rendibilidade empresarial. Brevemente: estes acontecementos e esta coraxe estudantil removeron as expectativas e esperanzas privatizadoras, facendo que moitos de nós espertaramos da nosa pasividade e que decidísemos, de xeito colectivo, involucrarnos activamente perante os retos de futuro que a universidade tería que defrontar se quere actuar con responsabilidade. As protestas estudantís fixeron xurdir á vista de todos as críticas e reflexións que ata agora só existían nos corredores, a xeito de ritual, expóndoas a un debate aberto de maneira valente. Ora ben, foi entón cando a resposta que ofreceron os órganos de goberno das universidades orientouse decote ó descreto e rexeitamento de sólidos argumentos e á criminalización das prácticas e das persoas implicadas no proceso de discusión do Plano de Boloña coa intención de impedi-la emerxencia de alternativas e de abortar calquera proceso de reflexión pública, compartida e democrática: son exemplo claro as denuncias penais e o desenlace das medidas sancionadoras ós alumnos da UAB.

A historia amosa que a comunidade universitaria non pode ficar á marxe de ningunha situación crítica que a afecte. Por iso reclamamos participar nun debate colectivo sobre o seu futuro.Tantos anos e tanos planos e cambios de todo tipo, todos tan desacertados, por forza han facer que sexamos escépticos: o futuro do ensino superior e da investigación científica non pode estar consignado exclusivamente en espazos difusos de decisión nin en gabinetes tecnocráticos que só funcionan mecanicamente e renden contas de xeito autárquico.

É urxente e necesario mellora-lo noso sistema educativo da cabeza ós pés, coa participación xenerosa de todos. Por iso cómpre abrir un debate que non se faga de costas ós estamentos da Comunidade Universitaria, senón que favoreza a participación.

A tan reiterada crise do ensino, que tanto escandaliza ós políticos e que axuda a encher de polémicas os medios de comunicación, adoita desfigura-los diferentes aspectos que, co pretexto dunha reforma pedagóxica enmascaran, verdadeiramente, unha reforma do modelo de universidade. Co pretexto do Espazo Europeo de Educación Superior, como se fose unha forza da natureza que ninguén dá parado porque é resultado das circunstancias, tampouco se nos di que o desenvolvemento e instrumentación deste Espazo Europeo vai acentuar:

  1. O progresivo secuestro dos espazos de pensamento crítico e o embargo das capacidades reflexivas e creadoras de estudantes e profesorado, coa adecuación de contidos e ritmos frenéticos dos planos de estudo á lóxica dun discurso capitalista de derradeira xeración, hoxe en fonda crise e posiblemente ridiculizado por moito tempo.
  2. A adecuación da produción e do uso do coñecemento ás leis do mercado, transformando o pensamento en puras habilidades, e convertendo a formación intelectual en pura mercadoría.
  3. A insuficiencia da transparencia na planificación e xestión do día a día da Universidade, decote inmersa en prácticas irrespectuosas coa legalidade vixente que obstaculiza a participación, convertida nun simulacro pola pura prevalencia de operacións formais e de procedemento. Valla de exemplo a irregularidade de certas figuras contractuais, o incumprimento da carga lectiva recoñecida nos convenios ou a recomendación da Sindicatura de Comptes á Universidade Autònoma de Barcelona para que axuste as súas actividades contables á legalidade.
  4. A extralimitación das relacións xerárquicas e das diferenzas de condicións laborais dentro do PDI e do PAS; a intensificación das relacións de poder; a extensión da sumisións; a colisión de intereses que se resolven arbitrariamente, prescindindo de instancias formais; e o uso da institución pública para lucros privados, coa creación dun entramado de fundacións e entidades participadas, masters privados, etc.

Por iso non nos resignamos á oferta oficial dunha pasividade cómplice e optamos, en troques, por unha actividade creativa, construtora de alternativas sempre abertas. Queremos participar na xeración dun espazo aberto de discusión, non mediatizado por principios innegables nin por normatividades inmutables, por mor de intervir activamente e ser axentes, como ata agora o foron os estudantes, con votade de ser interlocutores.

Emprazámonos, logo, a traballar para facer realidade estas vontades e facemos unha chamada á participación activa neste diálogo. O próximo sábado 14 de marzo, ás 10.30hs., PDI e PAS das universidades catalás ímonos xuntar de novo no edificio histórico da Universidade de Barcelona para a defini-las actuacións inmediatas. Igualmente, os asinantes deste manifesto tamén facemos unha chamada á participación activa nas mobilizacións universitarias do próximo xoves, 12 de marzo.


%d bloggers like this: